Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

O PSOE denuncia múltiples deficiencias no novo pavillón
Política • 22/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

En poucos meses o pavillón de A Marisma presenta cables soltos, descascados na pintura dos vestiarios, problemas de deseño que impiden nas primeiras bancadas ter visibilidade así como problemas na iluminación instalada nas escaleiras "deixando en moitos chanzos cables ao aire que constitúen un perigo". Unhas deficiencias que segundo os socialistas tamén se atopan na accesibilidade ao edificio, tanto no exterior como no interior do mesmo.


O novo pavillón de Redondela custou 1,8 millóns, un investimento que non garante o seu bo funcionamento xa que segundo os socialistas tan só meses despois da súa apertura presenta numerosas deficiencias. "As luces dos chanzos das escaleiras están soltas e outras nin están, deixando cables ao aire que constitúen un perigo cando baixan ou suben persoas pola bancada, grandes deficiencias nos acabados, o chan da entrada, as paredes, os teitos, o teito da pista, e con pintura que en moitos sitios xa está a caer" explican dende o PSOE. Apuntan tamén que "as primeiras filas da bancada teñen nula visibilidade debido ao uso dunha varanda inapropiada nese espazo, xa que habería que poñer unha varanda de metacrilato para posibilitar a visibilidade plena da pista de xogo".


Por outra banda, para os socialistas o edificio incumpre numerosas normativas como non posúir un plan de autoprotección para as actividades culturais e emerxencias, ademais de incumprir a normativa de prevención de riscos laborais e a Lei de accesibilidade, tanto da contorna do edifico como dentro, contando cun ascensor que non está dispoñible as 24 horas.


Existen criticas en canto a non urbanización dos arredores do novo pavillón "o edificio foi inaugurado cando se proximaban as eleccións xerais de decembro e a día de hoxe segue sen estar urbanizada a contorna".


Critican dende o PSOE que o goberno local non tivese valorado todas estas deficiencias á hora de recepcionar a obra.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: