www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 22 de Outubro de 2018

Redondela, epicentro do cine en pequeno formato
Cultura • 20/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O actor Carlos Blanco será o encargado de conducir a gala de inauguración do XII Festival Redondela en curto que arranca este xoves cunha homenaxe ao actor José Angel Egido. Previamente haberá actividades escolares organizadas en colaboración coa Asociación Andaina e durante os catro días do festival celebrarase tamén a tradicional sesión golfa na Discotasca. Como novidade este ano a presentación do documental "A memoria dun pobo" na Illa de San Simón. A concurso 16 curtametraxes seleccionadas das máis de 800 recibidas, entre as que destaca a única galega "Unary" con presenza redondelá ao contar entre os seus interpretes co actor Miguel Borines.


O Multiúsos da Xunqueira volverá ser durante os vindeiros catro días o epicentro no que se desenvolverá o festival Redondela en Curto, un evento que segundo o concelleiro de cultura, Xabier Alonso "insírese nunha tríada de citas audiovisuais da comarca como son o Play-Doc o Festival de Cans, convertendo así ao noso concello en referente do cine".


A sesión inaugural terá lugar o xoves ás nove da noite no Multiúsos, pero xa pola mañá haberá actividades escolares coa presenza da campioa do mundo de paratriatlón Susana Rodríguez Gacio. Unha actividade organizada conxuntamente coa asociación Andaina cuxo presidente Antonio García salienta o salto cualitativo que este ano deu o premio que patrocinan e no que se outorga un galardón ao mellor curtametraxe cuxo argumento e temática serva para dar visibilidade á discapacidade.


Xa as 21:00 horas abriranse as portas do Multiúsos para o público en xeral cun acto homenaxe ao actor José Angel Egido, natural de Redondela. Unha sesión inaugural presentada polo popular actor Carlos Blanco


Nesa sesión presentación poderanse visionar as curtametraxes que conforman o bloque 1 "Mañana no es otro día", "No abortamos", "Happy Birthday" ou a única galega de entre as 16 a concurso "Unary".


As proxeccións seguirán durante toda a fin de semana con diferentes pases no Multiusos e outras citas como a sesión golfa na Discotasca que terá lugar na medianoite do sábado e que presentará Yoni Mediogramo.


O domingo cómpre salientar tamén a proxección en San Simón do documental "A memoria dun pobo". As entradas teñen un prezo de 3 euros e inclúen tamén o traslado en barco. Poderanse adquirir na billeteira do Multiúsos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: