Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Un comercio de cine
Sociedade • 19/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Os escaparates dos comercios da vila énchense de cine co gallo da celebración da XII edición do Festival Redondela en Curto entre o 21 e o 24 de abril. Unha edición que ademais das proxeccións habituais de curtametraxes no Multiúsos da Xunqueira e as actividades escolares, organizadas en colaboración coa Asociación Andaina, este ano inclúen unha iniciativa da asociación de empresarios que baixo o nome "escaparates de cine con prezos de película" ofrece aos clientes unha ambientación diferente ademais de promocións en numerosos produtos.


A través dos escaparates dun total de 26 comercios que se sumaron a iniciativa, os veciños poderán rememorar títulos míticos do cinema clásico como Gilda ou Desayuno con diamantes... e ademais beneficiarse de promocións e agasallos a través dun concurso organizado pola asociación de empresarios.


Un roteiro sinalizado levará aos veciños a visitar as tendas participantes decoradas para a ocasión. Atoparán en cada unha delas produtos con prezos rebaixados e ademais todos aqueles que participen dun concurso no que voten o seu escaparate preferido optarán a premios de tres vales de compra, un de cen euros e outros dous de 50.


A asociación lembra que durante estes días tamén está activa outra campaña emanada do colectivo: a ruta do pincho. Os redondeláns e visitantes poderán ata o vindeiro domingo gozar do bo cine, en pequeno formato, ademais de degustar as tapas e pinchos que ofrecen 32 comercios da localidade acompañado dunha cervexa ou un viño ao prezo de 2,75 euros.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: