Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

O BNG acusa aos populares de "cadrar os números abandonando a persoas e colectivos"
Política • 19/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O grupo municipal do BNG cualifica de propaganda política o anuncio do goberno local sobre a liquidación do orzamento do 2015 que segundo o alcalde Javier Bas "pecha en positivo cumprindo coa regra de gasto e a estabilidade orzamentaria". Mentres os populares cualifican estes datos de "excelentes" dende o Bloque acúsanos de deixar sen gastar partidas prioritarias como a de emerxencia social e conxelar outras de colaboración con colectivos e asociacións. Advirten os nacionalistas que "a pretendida boa xestión do goberno de Javier Bas deixa polo camiño a atención aos veciños".


A lectura desta liquidación do orzamento para o concelleiro Xoán Carlos González non pode ser máis negativa dende o punto de vista social. "Trátase dun abandono total e absoluto das políticas prioritarias" e pon como exemplo que "só se investise a metade da partida orzamentaria de 60.000 euros orientada a emerxencia social".


Refírese igualmente o concelleiro do BNG ao uso dos orzamentos participativos "que ao final unicamente se cinguen a actuacións que o propio concello está obrigado a desenvolver".


Destaca nesta falla de inversión nas parroquias "a redución de inversión en saneamento, quedando estancada a porcentaxes mínimas". Salienta igualmente como non se subvencionou aos centros culturais parroquiais.


Lembra tamén que partidas tan importantes como a autoxestión dos centros educativos, os convenios parroquiais, ou as ludotecas, subvencións a ANPAs, foron partidas practicamente conxeladas mentres que se eliminaron outras como as subvencións ás comunidades de augas.


Pola contra apunta que se gastaron máis de 52.000€ en propaganda na área de Cultura "moito máis que o asignado aos convenios interparroquiais, que moven a ducias de agrupacións todos os anos".


O BNG, considera que o proxecto de Javier Bas "fracasou estrepitosamente" e consideran "que se cumpren as condicións para dar pasos en firme, cara a conformar un goberno alternativo en Redondela" motivo polo que emprazan ao resto de grupos a sentarse a dialogar".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: