Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

Esgotadas as prazas para o mercadiño titiriteiro tres semanas antes do previsto
Cultura • 18/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O interese que esperta o Festival Internacional de Tïteres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) é patente polo elevado número de público que se achega durante a semana do festival ao noso concello e así o testemuña tamén o feito de que a organización teña que pechar o prazo de inscrición para o Mercadiño Titiriteiro tres semanas antes do previsto, unha vez que os 65 postos ofrecidos a artesáns están xa completos.


Neste Mercadiño, que xa é un clásico do Festival e que cada ano rexistra maior participación, os artesáns poderán expoñer e vender os seus produtos, realizados en coiro, xoiería...sen esquecer, por suposto, os monicreques feitos a man. O único que non está permitido é a venda de comida nin bebida, para favorecer as vendas do comercio local.


Como xa é habitual, o Mercadiño terá lugar durante a fin de semana, e nesta edición, ademais, ampliarase ao martes 17 de maio.


O XVII Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) celebrarase do 16 ao 22 de maio na vila dos viadutos. Como cada ano, encheremos as rúas e as prazas da mellor selección de música e espectáculos de monicreques. Como novidades principais, o 16 de maio terá lugar o concerto inaugural a cargo de Tatán e o seu "Chapeu", que dará comezo a toda unha semana de actividades para todos os públicos.


O 17 de maio, Día das Letras Galegas, haberá programación de rúa para festexar e tamén reivindicar a nosa lingua e a nosa cultura. En canto ás exposicións, os medios de comunicación serán os protagonistas na mostra "Un festival de portada", no que rescataremos os mellores artigos de prensa relacionados co Festival. Ademais, no mesmo Multiúsos, tamén haberá lugar para "Deixar o teu recado" aos compañeiros de Títeres desde Abajo, que ao rematar o Festival, enviaráselle á compañía.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: