Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Cesantes rememora o seu pasado no documental "A memoria dun pobo"
Cultura • 15/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A proxección do documental no que se recollen as lembranzas e vivenzas dos veciños de Cesantes, forma parte das actividades paralelas enmarcadas dentro do festival Redondela en curto que se celebrará en Redondela entre o 21 e o 24 de abril. A longametraxe proxectarase o domingo da vindeira semana ás 12:00 horas.  A saída do barco será as 10:30 dende o pantalán do Meirande e a entrada ten un custe de 3 euros.


A guerra civil, os anos da fame, a vida cotiá, as experiencias escolares, os xogos e os anos da infancia... en torno a esa e outras experiencias falan ante a cámara máis de vinte veciños da parroquia de Cesantes de idades comprendidas entre os 80 e os cen anos. Un traballo que se poderá ver o domingo 24 na Illa de San Simón enmarcado dentro do festival Redondela en Curto.


O seu director, Fernando Carreira "Cuchi" entende que sen dúbida a visita á Illa de San Simón será un dos momentos máis especiais da edición deste ano, non só polo espazo a visitar senón porque alí se proxectará "A memoria dun pobo", un documental iniciativa do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy no que se recollen as lembranzas e vivenzas dos veciños de Cesantes.


Fernando Carreira destaca que "é para nós unha gran responsabilidade dar a coñecer este filme no festival porque non só estarán presentes os veciños da vila, senón que están convidados á estrea os familiares e mesmo parte dos protagonistas. É un orgullo para nós poder presentalo na casa das persoas que deron testemuña e fixeron posible esta película".


A actividade na illa terá lugar o domingo 24 de abril e a proxección do filme está prevista para as 12 horas, aínda que o embarque será ás 10.30 horas no pantalan do Meirande. As entradas para asistir ao acto poderán retirarse na billeteira do Multiusos da Xunqueira durante a xornada do sábado e o prezo será de tres euros.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: