www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Os estudantes redondeláns secundan o paro no ensino polo rexeitamento á Lomce
Sociedade • 15/04/2016
Autor: Ana Prieto

Os alumnos dos institutos de Redondela secundaron a folga convocada a nivel estatal no ensino secundario e universitario. Derrogar totalmente a Lomce e a reforma universitaria son cuestións "innegociables" para o estudantado, mensaxe que lanzan para que a teña e conta o novo goberno, "sexa cal for".


Nos institutos redondeláns o paro foi secundado por un 60% dos alumnos, cifra que se eleva a máis do 95% nos cursos de 3º e 4º da ESO, cun apoio masivo á folga. Antón Barral, voceiro de ARDE, a Asemblea Redondelá de Estudantes, explica que secundaron a convocatoria das Asembleas de Base, organizadoras da protesta en Galicia. Xustifica as protestas polo "retroceso" que supón a Lomce, unha lei que cualifican de "clasista" e que prexudica ao ensino público, con reválidas para os alumnos de Primaria. Alumnas como Carla, que cursa 4º da ESO, defenden que é "moi importante" apoiar as protestas, xa que a coñecida tamén como Lei Wert, prexudica aos alumnos con novos itinerarios. Para moitos o peor desta lei son as reválidas ás que deben de enfrontarse os alumnos en 3º e 6º de Primaria, e que tamén están previstas na lei para alumnos da ESO e Bacharelato. Pero hai tamén outras cuestións coas que non están de acordo os alumnos, como que a materia de Relixión compute nas notas finais, como lamenta Pedro. Os alumnos viven coa incerteza de que decisión tomará sobre a Lomce o novo goberno, malia o rexeitamento de todos os grupos que conforman a oposición ao PP. A falta dun acordo de goberno e a posibilidade dunhas novas eleccións deixan no aire a actual lei educativa. Unha situación de inseguridade na que tamén viven pais e nais dos alumnos. Marina, que ten un fillo en 4º da ESO, apoia que os mozos se mobilicen "porque está en xogo o seu futuro", por iso defende "que se impliquen" nas protestas contra unha lei que considera negativa. Por iso a mobilización do alumnado demanda que "sexa cal for" o novo goberno, se comprometa non só á paralización da Lomce, senón que se derrogue "por completo", así como o chamado "decreto 3+2", que permite graos de tres anos nas universidades con másteres de dous, co que se encarece o custo do ensino superior.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: