Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

As obras no Camiño do Mouriño rematarán nunha semana e permitirán a súa reapertura
Sociedade • 12/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A empresa encargada das obras da AP-9 comprometeuse co concello a "rematar nunha semana de traballo" o asfaltado e acondicionamento do camiño do Mouriño. O vial permanece pechado dende hai dous meses obrigando aos seus usuarios e residentes na zona a dar un rodeo de máis dun quilómetros para acceder a servizos que se atopan a menos de cen metros das súas vivendas. O concelleiro Arturo González confía en que o camiño estea operativo en breve "lamentamos as molestias que causa o seu peche, pero sabemos que se está a traballar na zona para garantir a seguridade ao 100%".


O edil recoñece e lamenta que o peche deste vial, afectado polo desprendemento dun noiro da AP-9 dous meses atrás, obrigue aos residentes a dar un rodeo de máis dun quilómetro para acceder a servizos imprescindibles como o centro de saúde, os colexios ou a parada de autobús.


Insiste en que a situación resolverase en breve xa que "os traballos continúan e están pendentes tan só de restituír o saneamento que se viu afectado polo corremento de terras e o posterior asfaltado do camiño, unha actuación que no caso de que a climatoloxía non o impida podería permitir a reapertura do vial no prazo aproximado dunha semana".


Engade González que "dende o primeiro minuto a empresa está a traballar no camiño e está a realizar obras complementarias para evitar novos desprendementos que poderían afectar aos residentes pero tamén provocar problemas na circulación pola autoestrada".


Malia que a Asociación de veciños propuxo que se habilitara un sendeiro para uso dos peóns que lles evitase dar o rodeo actual, entende o concelleiro que non é preciso ante o inminente remate das obras.


 


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: