www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 17 de Novembro de 2018

Un Chapela-SAR para festexar a permanencia
Deporte • 12/04/2016
Autor: Ana Prieto

O balonmán feminino despide a liga co derbi Rodosa Chapela-SAR Rodavigo. Un broche de ouro para o campionato na División de Honra Prata, no que os dous equipos redondeláns conseguiron o obxectivo da permanencia. A cita é no pavillón municipal de Chapela, ás 16.30 horas.


A Federación permitiu o cambio de horario e disputar o encontro máis cedo para permitir aos afeccionados asistir logo á Copa da Raíña de Balonmán que se disputa no Porriño.


As pupilas de Jose Luios Martínez, Lupo, chegan a este último partido con ganas de desquite logo da derrota no derbi da primeira volta. Un partido que será ademais unha verdadeira festa do balonmán feminino redondelán, logo de que os dous equipos acadaran a permanencia na segunda división estatal. Para Lupo é "un alivio" chegar a esta cita cos deberes feitos e sen que ningún dos dous equipos se xogue xa nada. Para as de Chapela esta foi unha temporada dura, con dúas derrotas na pasada fin de semana ante Camargo e Xixón, logo de entrar nunha "dinámica negativa", tanto a nivel de resultados como anímica. O técnico explica que ás xogadoras "faltoulles confianza" e os nervios xogáronlles "malas pasadas" ao longo do campionato. Con todo, conseguiron salvar a categoría, e Lupo confía en que esta experiencia lles sirva para mellorar de cara á próxima temporada. Malia os resultados, o adestrador amósase "moi satisfeito" co traballo das xogadoras e a súa implicación nos adestramentos. Por iso o seu obxectivo para a próxima temporada é "manter o grupo" e se é posible, poder contar con algún reforzo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: