www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 23 de Maio de 2018

O desprendemento da AP-9 mantén cortado dende hai dous meses o Camiño do Mouriño
Sociedade • 11/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Os veciños denuncian que malia o compromiso de arranxar o camiño en cuestión de semanas, dous meses despois do desprendemento do noiro o camiño segue cortado, o que obriga aos residentes a dar un rodeo de máis dun quilómetro para acceder servizos imprescindibles como o centro de saúde, os colexios ou a parada de autobús. Reclaman que mentres non rematen definitivamente as obras de acondicionamento do camiño se habilite un sendeiro para os peóns.


Explican dende a asociación de veciños que na zona vive unha gran cantidade de persoas "entre os que se atopan nenos, anciáns e persoas con mobilidade reducida que dende hai dous meses "para acceder a servizos que se atopan a cen metros das súas vivendas teñen que facer un percorrido de aproximadamente 1.100 metros".


"Teñen que subir polo camiño da Rabexa, de gran pendente, continuar polo camiño do Paporoxo e baixar pola estrada principal do Barrio de Cidadelle, tamén de gran desnivel, sen beirarrúas e sen ningún tipo de seguridade para os peóns", unha situación que os obriga a empregar o coche ou botar man dos taxis para salvar unha distancia que antes do desprendemento percorrían a pé.


Os veciños do camiño amosan a súa indignación "porque dende o concello non se esixa aos responsables da obra o remate inmediato e posta en servizo deste vial" que quedou inutilizado logo do corremento de terras que se producía na zona a consecuencia das chuvias do pasado mes de febreiro. Engaden que "as obras no noiro semellan rematadas, que xa non ven obreiros traballando na zona (so están traballando na autopista) e que aparentemente so falta o acondicionamento e preparación do firme do camiño e esixen que mentres non se rematan as obras se habilite un sendeiro aló menos para os peóns".


Unha demanda que a Asociación de Veciños de Chapela trasladou xa aos responsables municipais.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: