www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Máis de 150 rapaces participan en Redondela no Campionato Galego Escolar de Judo
Deporte • 8/04/2016
Autor: Ana Prieto

O Pavillón Municipal da Marisma acolle este sábado a fase sur do Campionato de Galicia escolar de Judo. Deportistas das provincias de Pontevedra e Ourense, e tamén de clubs de Santiago, asistirán á cita nas categorías Cadete e Infantil.


O presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, salientou que a celebración desta proba en Redondela pretenden tamén "ser un escaparate" deste deporte no municipio, xa que polo de agora non existe ningunha escola de judo en Redondela. Por iso a presentación do campionato contou tamén cunha exhibición deste deporte para escolares redondelán. Foron máis de 60 os alumnos do CEIP Santa Mariña os que participaron no pavillón dunha demostración na que recibiron nocións básicas desta arte marcial. Tamén desde a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia salientan a importancia do deporte base. Daniel Benavides explicaba no pavillón redondelán que a presentación do torneo serve para que moitos rapaces coñezan este deporte. O concelleiro de Deportes, Julio Mougán, salienta que se trata dunha excelente ocasión para "promocionar" este deporte en Redondela, para "dar a coñecer a vila" ás máis de 150 familias dos participantes, e tamén para "poñer en valor as novas instalacións de A Marisma", que reúnen todos os requisitos para albergar competicións de judo de alto nivel. As probas comezarán mañá sábado ás 10.15 horas nas categorías Cadete e Infantil, con 45 judokas nas modalidades femininas e 113 nas masculinas. O Campionato está organizado pola Federación Galega de Judo, a Xunta de Galicia e o Concello de Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: