www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 17 de Decembro de 2018

O pleno solicita á Deputación o arranxo do Campo da Gándara no Viso
Política • 7/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A corporación municipal aprobou, a petición do partido popular, unha moción na que solicitan que a Deputación de Pontevedra destine unha partida económica para mellorar o estado do terreo de xogo e das instalacións do campo de fútbol do Viso. En concreto pídese que se dote a pista de céspede artificial, se rehabiliten os vestiarios e se mellore a iluminación así como os accesos. A moción, malia contar co apoio de todos os grupos, provocou un intenso debate ao acusar a oposición aos populares de "reclamar actuacións ao organismo provincial agora que está en mans de PSOE e BNG cando foron incapaces de xestionalas en tempos de Louzán".


Na súa intervención a popular Carmen Amoedo salientou a necesidade de acometer melloras encamiñadas a mellorar o propio terreo de xogo así como a instalación de auga quente, os vestiarios, a iluminación do campo e dos propios accesos a unhas instalacións empregadas polo Club Deportivo de Cesantes e cinco peñas de fútbol veteranas, ademais da escola de Fútbol base do Viso-Cesantes na que hai inscritos un elevado número de nenos.


Os nacionalistas lembraron que esta demanda xa pasara polo pleno no ano 2013 cando o BNG trasladara unha petición nacida do propio consello parroquial. Xoán Carlos González criticou aos populares por non ter feito nada nos últimos anos cando gobernaban na deputación e agora urxir a súa reparación inmediata.


Unhas criticas que os populares tiveron que escoitar tamén dende a bancada socialista. Leonardo Cabaleiro alertaba ademias do estado de abandono e incluso a perigosidade que as instalacións de A Gándara presentan para os que alí practican deporte.


Amoedo negaba que non se tivera feito nada durante o mandato de Louzán ao fronte da Deputación. Aseguraba que había un compromiso por parte do ex presidente do ente provincial para acometer obras de mellora en canto se rematara o actuación en Santa Mariña e engadía que non últimos anos "as máquinas da deputación pasaron por ese campo ata en tres ocasións".


A moción foi aprobada por unanimidade de todos os grupos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: