Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Presentación-concerto do libro "Pito galego, método práctico" na escola de música de Chapela
Cultura • 5/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O Servizo de Normalización Lingüística, dentro da programación da VIII Semana do libro, a festa das palabras, organiza a presentación do libro "Pito galego, método práctico", do músico, docente e investigador Moisés Quintas Suárez. A presentación-concerto celebrarase na Escola de Música de Chapela o martes 5 de abril, ás 18:30 h, con entrada libre.


Este manual supón o primeiro método de pito galego, que contribúe a mostrar as posibilidades musicais deste instrumento e facilita a súa aprendizaxe, empregando unha metodoloxía progresiva e baseada no noso repertorio tradicional.


O método de pito galego nace para prevalecer no tempo e servir de guía ás xeracións futuras, garantindo a supervivencia do pito e contribuíndo ao asentamento do seu ensino, fixando a traxectoria histórica evolutiva, e da técnica do instrumento.


Na presentación mostraranse diversos instrumentos de vento que responden a diferentes modelos de pito ao longo do tempo, e faranse demostracións das súas posibilidades interpretativas. Intervirán o autor, Moisés Quintas, Viqui Pérez (que acompañará con percusións as súas execucións) e Xosé Aldea, director da editorial Ouvirmos, encargada da súa edición.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: