www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 23 de Outubro de 2018

Bas defende que a comida da Festa do Choco foi un acto institucional e AER pide a súa dimisión
Política • 1/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Comparecencia bronca a vivida onte no pleno de Redondela na que o alcalde, a petición da Agrupación de Electores, debeu dar explicacións sobre a factura de 1.400 euros coa que se pagou unha comida, con cargo ás arcas municipais, celebrada o 10 de maio do ano pasado á que acudiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo e o expresidente da deputación Rafael Louzán así como membros do goberno local.


Javier Bas defendeu en todo momento que se tratou dunha "comida de promoción da festa do Choco" que serviu para poñer en valor e darlle maior repercusión a esta cita gastronómica grazas a presenza de Feijoo e negou rotundamente que se tratase dun acto de partido malia coincidir en plena campaña electoral. Esgrimiu que "non houbo acto de partido, non se convocou a militantes, non houbo mitin e non se pediu o voto". Defendeu en todo momento a xestión do goberno local que "dende a súa chegar á alcaldía está a desenvolver políticas de austeridade, eliminando privilexios de anos anteriores" e atacou a AER por empregar "grandes mentiras para desprestixiar ao goberno".


Sobre a decisión de devolver os 1400 euros da factura, que foron abonados polo alcalde, Bas asegurou que "eses cartos abonáronse para non crear maior controversia e debido a que despois de dez meses non conservamos as invitacións que se cursaron ás autoridades". Neste sentido presentou un informe do Departamento de Novas Tecnoloxías dando conta do borrado por cuestións técnicas do ordenador empregado para dita xestión.


Explicacións que en ningún caso convenceron aos membros de AER que chegaron incluso a pedir a dimisión do alcalde por empregar "os cartos do Concello de xeito torticeiro, para pagar actos do PP". Para argumentar estas afirmacións amosaron fotografías de Feijoo durante esa xornada en Redondela con propaganda do PP e lembraron un comunicado da propia Xunta no que se informaba de que durante esa fin de semana "Feijoo mantería baleira a súa axenda como presidente da Xunta para desenvolver actividades de campaña".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: