Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

Redondela inicia unha campaña de recollida de material para as persoas refuxiadas
Sociedade • 29/03/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Baixo o lema "Todas podemos ser refuxiad@s" o Grupo Redondelán de Apoio ás Persoas Refuxiadas, conformado por veciños e veciñas do concello, inicia esta semana unha serie de accións enfocadas a denunciar a lamentable situación de miles de persoas refuxiadas dentro e fóra das fronteiras europeas, ao tempo que pretenden contribuír a mellorar a súa situación. Neste sentido convócase unha concentración protesta este xoves ás 19:00 horas na praza do Concello e ponse en marcha unha campaña de recollida de material encamiñado a paliar a situación de desamparo que padecen estas persoas nos distintos campos de refuxiados.


A sociedade civil mobilízase e pon en marcha tamén en Redondela, seguindo accións semellantes desenvolvidas en diferentes concellos de toda Galicia, un programa de actividades encamiñado a poñer de manifesto as políticas europeas en contra dos refuxiados así como actuar ante unha situación de emerxencia como a que padecen esas persoas que continúan en situación de desamparo reclamando que se abran vías seguras que lles permitan desprazarse por Europa.


Salientan dende o Grupo Redondelán de Apoio ás persoas refuxiadas que "a resposta da Unión Europea e dos Gobernos dos Estado membros ante esta crise constitúe unha vulneración dos tratados internacionais e os Dereitos Humanos e un atentado contra a dignidade humana". Por este motivo rexeitan "o acordo asinado entre a UE e o Estado de Turquía que implica a expulsión ilegal e inhumana das persoas refuxiadas e o apoio financeiro de Turquía, un estado lonxe do respecto aos Dereitos Humanos".


Entras as accións inmediatas que se van realizar en Redondela farase unha recollida de produtos de hixiene (xabóns, compresas, cueiros, pastas de dentes...) e produtos de botiquín. Tamén é necesario a doazón de tendas de campaña, sacos de durmir, lanternas, termos, tuppers, sacos e carriños de bebé, biberóns, leite en po, chuvasqueiros, toallas e botas.


A recollida, en colaboración coa ONG Alhambra, farase o xoves 31 e venres día 1 en horario de tarde de 18:00 a 20:00 horas e o sábado día 2 en horario de mañá de 12:00 a 14:00 horas na praza do Concello. Dende a organización solicitan tamén que se leven caixas de cartón tamaño mediano para facilitar a embalaxe dos produtos.


Xa no ámbito máis reivindicativo convócase aos veciños a participar dunha concentración que terá lugar este xoves ás 19:00 horas na praza do Concello aproveitando a celebración do pleno do mes de marzo, pleno no que se presentará unha moción "na que se denuncia a situación das persoas refuxiadas e acordo entre a UE e Turquía. Solicítase que este rexeitamento se comunique ao goberno da Xunta, do Estado e ás institucións da UE. Así mesmo, a moción contempla que o Concello coloque unha faixa nos seus edificios públicos co lema de "Todas podemos ser refuxiad@s".


Convídase a todas as persoas de Redondela e comarca que asistan e participen destas acción para mostrar o seu rexeitamento ao trato dado pola UE ás persoas refuxiadas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: