www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 23 de Maio de 2018

O Redondela F.S. quere alongar a boa racha
Deporte • 22/03/2016
Autor: Ana Prieto

Logo de tres partidos sen perder, nos que acumulou 7 puntos de 9 posibles, o equipo de Juan Manuel Nogueira gañou en confianza. Volverán á competición despois do descanso das vacacións ante o Mondariz. Os días 25 e 26 organizan un ano máis o Maratón de Semana Santa, co prazo de inscrición aberto ata esta tarde.


Veñen de impoñerse en Gondomar ao Cereixa, un dos equipos que pelexa polo título de liga, o que supuxo tres importantes puntos pero tamén unha inxección de moral "moi necesaria" para o equipo. O traballo semanal nos adestramentos está a dar os seus froitos, pero tamén a faceta psicolóxica é moi importante. Nogueira recoñece que ao equipo custáballe seguir "enchufado" nos partidos cando sufrían "algún revés", e que esa tónica "está a cambiar". O adestrador é optimista sobre a melloría do equipo, e entende que agora están "na boa liña". O obxectivo é continuar nese camiño, e a seguinte proba será ante o Mondariz, o 2 de abril. O rival é un dos equipos "da mesma liga que o Redondela", necesitado de puntos para afastarse definitivamente dos postos de perigo da táboa.


XXXIV Maratón Semana Santa


O club organiza un ano máis este torneo no pavillón municipal de Redondela, un dos máis antigos, e o único da bisbarra que aínda se mantén. Nogueira lamenta que o número de equipos descendera notablemente nos últimos anos. Polo de agora hai 12 equipos inscritos, a maioría de Redondela, Pazos de Borbén e Arcade. Esta tarde, ás 21.00 horas, será o sorteo na Cafetería Aifos, e agardan que ata esa hora se apunte algún equipo máis ata chegar á vintena de participantes, como na anterior edición. Con todo, quedan moi lonxe das cifras que se rexistraban décadas atrás, con máis de corenta participantes.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: