www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

Xornada sobre a extracción de recursos mariños coa técnica do mergullo en apnea e os seus riscos
Institucional • 17/03/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O centro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) de Rande acolle mañá unha xornada técnica para informar sobre os riscos laborais na extracción de recursos mariños mediante a técnica de mergullo en apnea, que se realiza aguantando a respiración co aire contido nos pulmóns tras unha bocanada de aire na superficie. Médicos, profesionais e mergulladores darán a coñecer as condicións de traballo específicas e as patoloxías asociadas a esta modalidade de mergullo, así como as normas de seguridade para a práctica desta actividade.


A xornada de mañá é unha iniciativa enmarcada na oferta formativa do Instituto para este ano na que se darán a coñecer as condicións de traballo específicas do mergullo en apnea e os mecanismos fisiolóxicos cos que conta o corpo humano para adaptarse ao medio subacuático. O obxectivo é poder detectar os posibles factores de risco para a seguridade e saúde e as enfermidades laborais específicas padecidas polos mergulladores que utilizan a técnica da apnea e, deste xeito, poder adoptar as medidas preventivas adecuadas para cada situación.


Así mesmo, técnicos do ISSGA informarán sobre as normas de seguridade para a práctica das actividades subacuáticas en apnea e as técnicas preventivas para patoloxías específicas que só se dan en mergullo en apnea.


Actualmente, a extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo é unha actividade con presenza significativa no litoral de Galicia que se leva a cabo con especies como a navalla, o ourizo, as algas ou os vermes mariños. Para a práctica laboral segura e comprensión do mergullo, en xeral, os profesionais precisan de coñecementos especializados e moi específicos.


A inscrición aínda está aberta na páxina web do ISSGA.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: