www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

Música folk e medieval co grupo DOA na Igrexa de San Martiño de Ventosela
Cultura • 10/03/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A programación do ciclo de música nas igrexas redondelás, Pórtico Sonoro, continúa este sábado 12 de marzo coa actuación do grupo DOA, un grupo de música popular e medieval galega cunhas formas musicais propias e orixinais que foron conformando dende os seus inicios, na década dos 70. A súa evolución fai que sexan considerados na actualidade como folk de vangarda, no que combinan elementos ancestrais medievais con recursos interpretativos contemporáneos. O concerto celebrarase o sábado 12 de marzo, ás 21.00 h, na igrexa de San Martiño de Ventosela. A entrada é libre.


O seu último disco, "A Fronda dos Cervos" acadou o Premio Opinión ao Mellor Disco de Música Folk 2011, adeºmais de ter outros recoñecementos e excelentes críticas nos medios de Galicia, Europa e EE.UU. Neste traballo, dedicado enteiramente á lírica medieval galego-portuguesa, DOA explora o simbolismo dos bosques milenarios e mostra a súa mestría e orixinalidade.


Nos seus concertos DOA recupera, xunto con temas deste último disco, outras pezas do noso repertorio popular que son interpretados maxistralmente, creando unha atmosfera que nos traslada ao antigo mundo da Galicia Medieval, coas cantigas trobadorescas e a fermosísima música galego-portuguesa que o grupo nos presenta dun xeito contemporáneo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: