www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

Un servizo de información asesora aos afectados pola regularización do catastro en Soutomaior
Política • 8/03/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O servizo, posto en marcha polo concello, é completamente gratuíto e permitirá aos veciños xestionar as súas alegacións. A medida ten como obxectivo informar aos veciños das circunstancias particulares dos seus inmobles logo da actual regulación catastral ademais de axudar para que os afectados poidan presentar de xeito adecuado as súas alegacións. O BNG denuncia que "o catastrazo" afecta a centos de veciños e que a taxa de regularización de 60 euros mesmo afecta a galpóns e galiñeiros.


O punto de información é totalmente gratuíto e está situado no edificio Multiusos de Arcade. Alí tres técnicos da empresa que levou a cabo o estudo da regulación, atenderán a todos os interesados os luns, martes e venres até o próximo 22 de marzo.


Os seus posibles usuarios son os centos de veciños que estes días está a recibir as cartas remitidas dende o Ministerio de Facenda para notificarlles as cantidades que teñen que abonar pola regularización catastral das súas propiedades.


Un "catastrazo" que segundo denuncia o BNG "obriga a pagar unha taxa de regularización de 60 euros afecta mesmo a galpóns e galiñeiros" e que está a ter graves consecuencias no concello xa que son centos as propiedades afectadas e os gastos que implica a regularización son importantes. Explican os nacionalistas que "só polo feito de regularizar unha edificación, os veciños terán que pagar como mínimo unha taxa de 60 euros por cada unha das propiedades afectadas e a esa taxa terán que sumarlle en moitos casos os custos derivados do IBI e os gastos de tramitación".


Critica o voceiro do Bloque Manu Lourenzo que "o catastrazo en Soutomaior está a ter consecuencias moito máis graves que noutros municipios xa que o goberno local do PP, a pesar de que leva 21 anos gobernando, non fixo nin unha soa actualización dos valores catastrais nas últimas décadas e polo tanto a última actualización de Soutomaior é do ano 91, hai 25 anos".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: