www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

Os danos causados polo temporal de febreiro superan o medio millón de euros
Sucesos • 7/03/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Redondela presentou a valoración dos danos sufridos no temporal de choiva que nos días 12, 13 e 14 de febreiro provocaron a inundación da zona do Salgueiral co desbordamento do río Maceiras así como outras incidencias con desprendementos de terras e caída de noiros en diferentes puntos do concello. O informe que se lle trasladará á Federación Galega de Municipios e provincias (FEGAMP) estima que o importe total dos danos ascende a 562.752,35 €.


O obxectivo do informe que se lle vai presentar a Fegamp, e no que se recolle unha ampla memoria coa valoración dos danos causados en bens públicos municipais, é poder acceder ás axudas que se concederán aos concello afectados polos temporais dende as distintas administracións. De feito, está previsto que unha vez entregados todos os informes a Fegamp se reúna novamente para arbitrar esas axudas económica e fixar os criterios para acceder ás mesmas.


O Concello detalla na memoria presentada múltiples danos como derrubes de camiños, caídas de muros e balados, danos no paseo da Maceiras, corrementos de terra. Incidencias que afectaron a case todas as parroquias en maior ou menor medida, sendo a mais damnificada a de Santo Estevo de Negros, onde un corremento de terras levou por diante coches e afectou a camiños, fontes e lavadoiros. O importe total dos danos dos danos valorados ascende a 562.752,35 €.


Nas visitas que realizaron días despois do sinistro o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo e a Ministra de Fomento, Ana Pastor mostraron a súa disposición de axudar nos danos sufridos en Redondela, unha axuda que se materializará a través da Fegamp.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: