www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 15 de Outubro de 2018

Teatro musical con "Roedores" de Redrum Teatro
Cultura • 4/03/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A compañía compostelá representa este domingo, 6 de marzo, ás 18:00 h, esta obra de teatro enmarcada dentro do ciclo Teatro Cativo que organiza a Concellería de Cultura. "Roedores" é unha obra familiar con música en directo para a rapazada a partir de 5 anos, que trata de concienciar en valores e fomentar a igualdade a través das aventuras dos seus protagonistas, o hámster Peludiño e a rata Munda. Está protagonizada polos actores Guillermo Carbajo e Laura Míguez, e dirixida por Álex Sampayo.


Peludiño é un hámster que escapou da súa gaiola para vivir aventuras na cidade. Munda é unha rata soñadora que pasa as noites rebuscando no lixo para levar comida aos seus irmáns. Estes dous roedores terán que deixar atrás os seus prexuízos e traballar en equipo para vencer o temido Gato. Xuntos aprenderán que son máis parecidos do que eles pensaban e que as diferenzas fanos especiais.


A través das aventuras de Peludiño e Munda os cativos achegaranse a conceptos como o de igualdade de xénero, de oportunidades, social, de dereitos... E entenderán o valor da amizade, do traballo en equipo e da aceptación dun mesmo e dos demáis.


O prezo da entrada é de 3 € para público infantil (e estudantes, persoas desempregadas e xubiladas e menores de 18 anos) e 5 € para público adulto. Pódense mercar dende 2 días antes a cada función no multiúsos da Xunqueira, e dúas horas antes o mesmo día do espectáculo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: