www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

Indignación entre os últimos expropiados pola AP-9 "obrigados a aceptar prezos por baixo do mercado"
Sociedade • 2/03/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A Asociación de afectados asegura que Audasa non deu opción aos dez propietarios que aínda quedaban pendentes de expropiar. Uns propietarios que finalmente decidiron aceptar a oferta da empresa "malia tratarse de prezos por baixo do mercado e que non lles permitirán comprar outra vivenda sen pasar previamente polo banco para asinar unha hipoteca". Así o explica o portavoz da asociación César Dominguez, quen denuncia que con esta decisión incúmprese o compromiso que existía co colectivo de pagar un prezo xusto aos expropiados.


O pasado luns 29 de febreiro reuníanse cos representantes de Audasa nunha xuntanza que se celebrou no Multiúsos. Para sorpresa dos afectados, os representantes da empresa puxeron  sobre a mesa unha oferta "sen opción a negociar" e moito máis baixa do esperado.


Neste sentido asegura Domínguez que "a compensación económica que percibirán os expropiados polas súas vivendas e negocios non lles permitirán acceder a outra vivenda semellante, aló menos en Chapela".


Malia que non recibirán un prezo de mercado, tal e como así se tiña comprometido Fomento e Audasa, os afectados decidiron aceptar a oferta presentada porque en caso contrario arríscanse a un proceso xudicial que podería prolongarse anos e sen ter garantía de que logo da espera recibirán unha indemnización maior.


Agora o seu futuro pasa por "marchar da parroquia e facelo antes do vindeiro 29 de maio", xa que a partir dese día enfrontaríanse a sancións económicas no caso de non abandonar as súas propiedades.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: