Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Os criterios de acceso ao programa de conciliación modificaranse para favorecer aos traballadores
Sociedade • 1/03/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Os programas de conciliación municipal que organiza a Concellería de Muller e igualdade a día de hoxe non contan con ningún criterio que favoreza o acceso de nenos cuxos pais e nais traballen. De feito, o único criterio existente é o de entrada no rexistro do concello. Ante as críticas que esta sistema ten recibido por parte dos grupos da oposición, o goberno local estuda incluír xa no programa de conciliación do verán algún criterio que dea preferencia a conciliación laboral e familiar. Anuncian ademais un incremento no número de prazas de cara o vindeiro ano para evitar que haxa nenos que queden fóra do programa.


A día de hoxe os pais e nais que desexen que os seus fillos participen dos programas de conciliación que organiza o concello nos períodos non lectivos (vacacións de Semana Santa, Nadal e verán) saben que é requisito primordial ser dos primeiros en se anotar, xa que ese é o único requisito que garante o acceso no caso de inscribirse máis nenos que número de prazas ofertadas (algo que adoita acontecer no mes de xullo).


Co obxectivo de establecer unha criba que favoreza a conciliación laboral, neste verán xa está previsto que se inclúa unha modificación na convocatoria incluíndo un criterio que favorecería a aqueles pais e nais que demostren a necesidade de acceder a este programa por cuestións laborais.


Con todo, insiste a concelleira que non se busca excluír a ninguén e sobre todo que o obxectivo último é que ningún neno quede fóra do programa por non existiren prazas suficientes. De feito, isto non acontece nin no Nadal nin tampouco en Semana Santa pero si no mes de xullo cando as prazas ofertadas (en torno ás 240-250) adoitan quedar escasas. A concelleira estima que das peticións recibidas unhas sesenta non poden ser atendidas motivo polo que xa están a traballar para ampliar a concesión do servizo e evitar que en convocatorias futuras haxa nenos que solicitándoo e cumprindo os requisitos (ter entre 4 e 14 anos e que un dos proxenitores estean empadroados en Redondela) non logren unha das prazas.


Os interesados en participar nas actividades de Semana santa que se desenvolverán nas parroquias de Cesantes, Chapela, Reboreda, Saxamonde e Redondela os días 21, 22, 23 e 28 de marzo entre as 9:30 e as 13:30 horas deben presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello antes do luns 14. En total ofértanse 100 prazas, cantidade que a Concelleira estima suficiente para cubrir a demanda.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: