Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

Acordo histórico para a constitución da área metropolitana de Vigo
Institucional • 23/02/2016
Autor: Ana Prieto

Xunta e alcaldes pecharon onte o último escollo que restaba, o do transporte. Vía libre polo tanto para a Area metropolitana, quince anos despois de que arrancase o proxecto coa declaración de Soutomaior.


Os 14 concellos que formarán inicialmente este organismo, entre eles Redondela, chegaron a un pacto coa Xunta para modifica-la lei de creación da Área e permitir así que se poña en marcha. Finalmente acordouse que o comité de coordinación entre o transporte interurbano e o urbano de Vigo estea composto por representantes de todos os concellos que formen parte da área, estes 14 máis os outros 14 que se incorporarán á mesma de forma inmediata, así como a Xunta. Tamén estarán presentes con voz pero sen voto, Aeroporto, Renfe e Adif. De aquí sairán unicamente propostas xa que as decisións tomaraas a Xunta de Goberno ou no seu caso a Asemblea. Pola súa banda, Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, confirmou que a vindeira semana remitiranlle aos concellos implicados o texto que recolle a modificación da lei actual para que sexa aprobado polos respectivos plenos municipais. Rueda dixo ademais que a lei podería ser aprobada polo consello da Xunta no mes de maio. Ponse fin así a unha longa lea, fundamentalmente entre Vigo e o goberno autonómico. Polo de agora, mentres a área non redacta o seu propio plan de transporte, Vigo sumarase ao actual a fondo, é dicir, sen límite de financiamento, unha vez o parlamento autonómico de luz verde a esta nova lei. Para o resto das cuestións como gobernanza, competencias e financiamento, xa había consenso previo. Todos os rexedores, e o goberno galeho, felicitáronse polo tanto logo dunha xornada que cualificaron de "histórica" para Vigo e toda a área metropolitana.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: