www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

O Choco xa comparte o liderado
Deporte • 22/02/2016
Autor: Ana Prieto

Con tres goles de Silva o equipo de Marcos Montes impúxose ao Arousa. A vitoria local, xunto co empate do Cerceda, permiten aos redondeláns escalar ata o máis alto da táboa, empatados a puntos co líder. Pleno tamén na Segunda Autonómica con goleada do Choco B ao Castrelos, e do Chapela no campo do Gondomar.


Terceira División


Choco 3-0 Arousa


Todo saíu ben na xornada de onte para o Choco, que gañou a un dos seus rivais directos na loita pola promoción de ascenso. Ademais o duelo entre o primeiro, o Cerceda, e o cuarto, o Deportivo B, rematou nun empate que aproveitouno o equipo de Redondela. No partido ante o Arousa foi decisivo o acerto dos atacantes, co dianteiro centro Silva como autor dos tres goles. O primeiro chegou cedo, no cuarto minuto de partido, cando o xogador provocou unha falta na frontal que enviou Silva ó fondo da rede de Jorge Pérez. O Aruosa tmaén tivo ocasións, en especial nos pés de Hugo Soto, pero todas as accións perigosas eran freadas por Cortegoso. O porteiro local sacou a opción máis clara e no comezo da segunda parte a balanza do partido inclinouse claramente a favor do Choco. Silva aproveitou unha asistencia de Hugo e outra de Félix para completar o "hat-trick". O conxunto de Marcos Montes suma a súa quinta vitoria nos últimos cinco. A próxima xornada os de Marcos Montes deben defender a súa posición de privilexio na táboa no campo do pechacancelas, o Ribadeo.


Choco: Cortegoso, Yago Vázquez, Molinos (Xosé Ramón, min. 74), Lucas, Gándara, Alberto Suárez, Rober (Fernando, min. 64), Comis, Silva (Óscar Pérez, min. 70), Hugo, Félix.


Arosa: Jorge Pérez, Carballa, Diego Castro, Rivas, Aitor Díaz, Carrera (Óscar, min. 34), Rubén Martínez (Piñeiro, min. 80), Fran Fandiño, Hugo Soto, Camiño, Fariña (Veloso, min. 70).


Gol: 0-1, min. 4: Silva; 0-2, min. 58: Silva; 0-3, min. 68: Silva.


Árbitro: Alexandre López Vila. Amosou cartón amarelo a Adrián polo Choco cando estaba no banco e a Carrera, Rivas, Óscar Iglesias e Rubén Martínez polo Arosa.


Segunda Autonómica



Choco B 5-0 Castrelos


O Choco mantén a terceira praza logo de golear ao Racing de Castrelos, que é sexto. Na próxima fin de semana confían en poder seguir sumando xa que visitan o campo do Vincios, situado no pozo da clasificación.



Gondomar 0-3 Chapela


O Chapela goleou a domicilio ao Gondomar e mantense no ecuador da táboa. O domingo terá que enfrontarse a un rival máis duro, xa que recibe ao Chaín, segundo clasificado do grupo.


Terceira Autonómica



Cerponzóns 4-1 Cesantes


O Cesantes non foi quen de manter o pulso do Cerponzóns, con goles de Ernesto, Agus e dous de Héctor, nun partido no que os locais foron máis efectivos. Na próxima xornada os redondeláns terán difícil tamén acadar un resultado positivo xa que reciben ao Salcedo, quinto do grupo.


Covelo 2-2 Atl Vilar


Reparto de puntos entre o Vilar e o Covelo nun encontro no que os redondeláns fixeron un gran encontro e mesmo puideron facerse co triunfo, pero o balón ao pau mantivo a igualada. Con todo, o Vilar mantén a cuarta praza.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: