Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Ritmos lusófonos no Multiúsos da Xunqueira co trío brasileiro Coladera
Cultura • 19/02/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O grupo brasileiro Coladera chega a Redondela da man da Rede de Músicas Soltas, un programa organizado pola central Folque e a Concellería de Cultura. O proxecto Coladera celebra o encontro musical de João Pires, Vitor Santana e Marcos Suzano e de tres mundos musicais que homenaxean os ritmos lusófonos. O sábado 20 ás 21:00h no Multiúsos da Xunqueira. Prezo 5€ entrada normal, 3€ entrada reducida para xubilados, estudantes e desempregados.


Ritmos africanos de Cabo Verde e a saudade propia do fado lisboeta fusiónanse no repertorio de Coladera, un trío integrado por dous cantantes únicos Vitor Santana e João Pires sostidos por un dos mellores percusionistas de Brasil, Marcos Suzano.


João Pires trae a canción portuguesa, a guitarra ibérica e a vertente africana traída dos anos en que viviu en Cabo Verde. Vitor Santana engade súa voz á guitarra popular brasileira e o mestre da percusión Marcos Suzano completa o trío.


Os mundos do Brasil e de Portugal fúndense nun diálogo baseado soamente en guitarras, percusións e voces, traendo un ambiente sonoro rico en mesturas e mestizaxes. Óuvense ecos de África, do candomblé, do fado e do flamenco, do samba, da rumba e do mambo, un portugués con acentos distintos, a electrónica nacida do acústico de Suzano. Para este concerto, o percusionista será o caboverdiano Minoca París para arroupar aos cantantes João Pires e Vitor Santana.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: