www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Setembro de 2018

O Concello alerta de que as inundacións poderían agravarse esta tarde
Sucesos • 12/02/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Os prognósticos apuntan a que esta tarde o tempo vai empeorar, con máis precipitacións que coincidirán coa pleamar a partir das 18:00horas. Pola cantidade de chuvia caída, o río Maceiras xa se atopa desbordado na zona de Vilavella e as previsións apuntan a que o anegamento será aínda maior de cara a tarde. Os responsables municipais piden precaución aos veciños e aconsellan non circular nin pasear nas proximidades dos ríos. A estas horas o tráfico esta cortado na zona de Vilavella, o Salgueiral e na rúa José Regojo. No tramo final de Ernestina Otero só se permite a circulación de camións.


Numerosos baixos e garaxes así como negocios das zonas afectadas está a padecer directamente os efectos das inundacións. Por outra banda, a circulación é especialmente lenta no casco urbano, ao coincidir ademais estas inundacións coa saída dos rapaces do colexio.


Maceiras, Alvedosa e Pexegueiro, os tres ríos que pasan polo centro da vila xa sufriron algúns desbordamentos e o seu nivel continúa subindo. A peor parte levárona os veciños da zona do Salgueiral onde o río Maceiras desbordou ao mediodía e inundáronse vivendas e baixos comerciais. Efectivos da policía local e Emerxencias desprazáronse ata o lugar para cortar o tráfico e desviar aos condutores por viais alternativos. Unha situación que podería repetirse no Alvedosa cuxa canle chega dende Reboreda ao límite e a piques tamén de desbordar na praza da Farola. O Pexegueiro rebordou nas inmediacións do Campo de Fútbol de Santa Mariña. Ademais as rúas Pai Crespo e José Regojo tamén están a verse gravemente afectadas.


González asegura que os ríos están ao límite das súas capacidades e que a situación podería empeorar nas vindeiras horas "as canles dos ríos están limpos pero aínda así non poden asumir as elevadas precipitacións destes días". Apunta que os servizos de emerxencia están a traballar de cara a sinalizar, regular o tráfico e actuar nos casos nos que poidan servir de axuda pero lamenta que "ante o efecto da natureza pouco podemos facer".


A estas inundacións hai que engadir que numerosos noiros viñéronse abaixo, un deles na N-550 en Cesantes e outro na autoestrada AP-9 en Chapela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: