www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

Ilusionismo e maxia de proximidade no Multiúsos
Cultura • 12/02/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Arranca a V edición do festival Búrbida Maxica con tres venres consecutivos cargados de xogos e trucos imposibles no Multiusos da Xunqueira. A primeira cita hoxe mesmo coa actuación dos magos Noel Fandiño, Germán Martínez e Román García a partir das 21:00 horas con entrada de balde.


Unha proposta dirixida ao público en xeral pero pensada especialmente para o sector adolescente que arranca con tres artistas especializados na maxia de proximidade pero con estilos diversos. Así, "o pontevedrés Noel Fandiño proponnos unha mestura de maxia e malabares,  o vigués German Martínez é un especialista en Jazz magic, con xogos, manipulacións e rutinas da nova escola e por último, o prato forte da xornada, o santiagués Román García, un mago que sorprende sempre con propostas creativas" explica o organizador do festival Eloy Crespo.


Un programa que se afasta dos espectáculos tradicionais nos que o público senta diante dunha actuación. A organización crea aquí tres espazos diferentes nos que tres magos farán os seus números de ilusionismo. Os espectadores, divididos en grupos reducidos, achegaranse a esas salas para marabillarse coas súas propostas.


O ciclo Búrbida Máxica continuará os venres 19 e 26 con novas propostas e novos protagonistas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: