Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Os Bolechas inauguran o ciclo de teatro infantil "Teatro Cativo"
Cultura • 11/02/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A Concellaría de Cultura inaugura este domingo a segunda edición do ciclo de teatro para xente miúda, Teatro Cativo con catro espectáculos que se desenvolverán nas tardes dos domingos de febreiro e marzo ás 18:00 horas no Multiúsos da Xunqueira. Os Bolechas, Escuadra 17, Redrum Teatro e Caramuxo Teatro serán os encargados destas representación organizadas dende a Concellería de Cultura e que teñen un prezo de 3 euros para o público infantil, 5 euros os adultos.


A función deste primeiro domingo, Os Bolechas na máquina do tempo, está orientada a público infantil e familiar, e propóñennos unha viaxe a través do tempo cun científico tiruleco. O espectáculo mestura o formato de monicreques manipulados por actores á vista con actores reais, que dan vida aos "Bolechas adultos" e ao Dr. Apolodoro.


O espectáculo comeza co descubrimento dun estraño aparello que resulta ser... unha máquina do tempo! E os personaxes van precisar de todo o público para regresar ao presente... Baixo o formato dun concurso, os Bolechas achegarán a toda a rapazada nocións básicas da historia de Galicia.


O domingo 28 de febreiro a proposta chegará coa compañía Escuadra 17 e a obra


"O Camiño de Santiago". Xa en marzo Redrum Teatro porá en escena Roedores o domingo día 6 e pechará o ciclo Caramuxo Teatro con "Feo!" unha representación prevista para o domingo 27 de marzo.


O prezo da entrada é de 3 € para público infantil (e estudantes, persoas desempregadas e xubiladas e menores de 18 anos) e 5 € para público adulto. Pódense mercar dende 2 días antes a cada función no multiúsos da Xunqueira, e dúas horas antes o mesmo día do espectáculo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: