www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Redondela solicita máis persoal para o xulgado
Política • 10/02/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A moción aprobada no pleno co apoio de todos os grupos da oposición e a abstención do PP reclama tamén a creación dun terceiro xulgado no noso concello para evitar a acumulación de escritos e demandas. A proposta chegou ao pleno da man do BNG quen entende que é necesario adoptar este tipo de medidas para evitar que estes xulgados, que atenden a 40.000 habitantes (o partido xudicial inclúe Redondela, Soutomaior, Pazos e Fornelos), cheguen ao colapso.


O edil do BNG, Xoán Carlos González lembrou que as denuncias chegan dende diferentes sindicatos, principalmente a UXT, quen nas últimas semanas denunciaron a situación de colapso que padece este xulgado polo elevado volume de traballo que coincide cun funcionario de baixa dende hai varios meses. Entenden que a solución pasa por dotar de máis persoal estes xulgado así como crear unha terceira unidade xudicial.


A edil non adscrita, Raquel Quintáns amosou o seu apoio a proposta e criticou as políticas do PP "que pasan por recortar para logo privatizar".


Dende o PSOE Anabel Rey afirmou que "un de cada tres xulgados galegos soportan máis traballos do que poden asumir, sendo o xulgado número 2 de Redondela o quinto máis saturado de toda a comunidade só por detrás de Viveiro, Vilagarcía, Cangas e Cambados". Unha situación que se ve agravada nos últimos tempos pola non substitución do persoal de baixa ou de vacacións.


A proposta dos nacionalistas foi apoiada tamén por AER pero non polo PP que decidiu absterse malia estar a favor dos acordos recollidos na proposta. Explicaba a edil popular Carmen Amoedo que "unicamente hai unha praza sen cubrir por atoparse o seu titular de baixa, pero o motivo de que esa praza siga baleira responde a que a persoa que o substituíu decidiu cambiar de destino" e engadía que "a noso grupo está de acordo con demandar máis medios para os xulgados pero non podemos votar a favor por entende que non é competencia da Xunta decidir ou non incrementar ese servizo.  De feito, o PP propuña que se modificara a moción e na vez de dirixila ao goberno galego se dirixira a comisión mixta do tribunal superior de xustiza de Galicia por ser quen ten competencias para adoptar este tipo de medidas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: