www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Marcos Montes: "O equipo propúxose repetir o éxito do ano pasado e está a conseguilo"
Deporte • 9/02/2016
Autor: Ana Prieto

Traballo. Esa é a clave dos bos resultados do Choco, terceiro clasificado da Terceira División a tan só dous puntos dos dous primeiros clasificados, Boiro e Cerceda. O adestrador confía nas opcións do seu grupo, e explica que a intensidade coa que adestran cada día é o seu único segredo.


A goleada sobre As Pontes da pasada xornada é reflexo do bo momento que atravesa o equipo, que ofreceu un recital de fútbol en Santa Mariña. Hugo Sanmartín, "pichichi" da categoría, foi un dos grandes protagonistas do partido, logo de anotar o seu segundo "hat-trick" da temporada. Pero Marcos Montes foxe de personalismos. Malia que xunto con Silva forman unha das parellas ofensivas máis determinantes do campionato, o míster salienta o esforzo "de todo o grupo", xa que sen o traballo de todo o equipo os bos resultados que están a asinar non serían posibles. A pasada temporada acadaron por primeira vez na historia o pase para a fase de ascenso a Segunda B, e este ano están camiño de repetir a fazaña. Só dous puntos os separan dos co co-líderes, Boiro e Cerceda. Precisamente o Campo Municipal de Barraña será o seu próximo destino, un encontro que Montes cualifica como "o máis difícil da temporada". Na primeira volta os redondeláns gañaron en Santa Mariña cun marcador de 3-2. En terreo boirense será máis difícil, pero o técnico confía nas súas opcións. E o éxito do C.D. Choco non se limita ao equipo de máxima categoría. O filial, da Segunda Autonómica, está entre os candidatos ó ascenso, e nas categorías inferiores a maioría dos conxuntos do club están tamén cun pé no ascenso. Mérito, en gran parte, do traballo da directiva, segundo sinala Montes. Para o técnico, que coordina tamén as categorías interiores, o esforzo do presidente Iván Crespo e todo o seu equipo é "fundamental" para que o club estea no lugar onde está.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: