Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

Rouban as árbores recentemente plantadas no paseo do Val do Maceiras
Sucesos • 3/02/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello pide colaboración veciñal para identificar aos responsables do roubo e lembra que estes actos vandálicos afectan a todos os veciños xa que a actuación corre a cargo dos orzamentos municipais. En total roubáronse 15 das vinte árbores plantadas. Os exemplares subtraídos son maceiras autóctonas que foron plantadas hai tan só dez días polo alumnos do obradoiro de Emprego. Unha actuación que forma parte dun proxecto máis ambicioso promovido dende a Concellería de Medio Ambiente que busca recuperar e poñer en valor as marxes do río Maceiras.


O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Angel Álvarez Ballesteros, lamenta o acontecido e fai un chamamento aos veciños e usuarios da senda peonil recentemente recuperada para que coiden un patrimonio que é de todos.


A plantación das árbores froiteiras, cun total de 20 exemplares, levouse a cabo hai tan só dez días e forma parte de actuación que está a desenvolver o concello para recuperar as marxes do río Maceiras. Ao longo dos últimos meses leváronse a cabo traballos de limpeza, retirada de lixo e outros materiais e, nunha das marxes, habilitouse unha senda de terra compacta e unha ponte que permite percorrer o paseo dende Vilavella ata Fortóns. Unha actuación por valor de 40.000 euros que está previsto continúe nas vindeiras semanas coa retirada do material que se acumulou no río coas últimas enchentes e a plantacións de novas árbores. "Temos pensado plantar abeleiras e árbores de ribeira, especies apropiadas para esta zona que esperemos non corran a mesma sorte que as maceiras que foron subtraídas" explica Alvarez Ballesteros.


O edil engade ademais que non se colocaron papeleiras no paseo "malia a demanda dalgúns usuarios, porque entendemos que as zonas naturais non son lugares para colocar este tipo de mobiliario, confíamos na responsabilidade dos veciños para que todo o lixo que produzan o traian de volta e o depositen nos lugares correspondentes".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: