www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

Eduardo Rodríguez: "Queremos dar resposta a problemas que nos afectan a todos"
Sociedade • 2/02/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A Federación de Veciños de Redondela ven de estrear presidente. Eduardo Rodríguez Loureiro asume este cargo logo de anos vencellado a esta Federación a través da Asociación de Veciños de Vilar, un dos seis colectivos veciñais que a día de hoxe están integrados na Federación. Entre os problemas máis urxentes aos que entende que é preciso buscarlle solución fala da necesidade de que o Centro de Saúde conte cun pediatra de urxencias, que se melloren as comunicacións co Meioxeiro e o Alvaro Cunqueiro e manter o seu apoio a unha loita que están a liderar as confrarías: a retirada do anteproxecto de lei de acuicultura.


Son estes algún dos problemas que de xeito inmediato quere abordar a Federación porque entende que deben ser un organismo que loite por todas aquelas demandas que afectas aos veciños máis aló dunha parroquia en concreto. Son conscientes tamén da necesidade de sumar apoios motivo polo que queren darse a coñecer e animar a outros colectivos a que se integren. A día de hoxe hai seis asociación "federadas", a de Chapela, Cedeira, Cesantes, a asociación "Eidos" de Quintela, a de San Martiño de Vilar de Infesta e a asociación "Fonte do Allo" do Viso.


Outra das cuestións nas que queren traballar de xeito inmediato é a revisión do regulamento dos consellos parroquiais "queremos mellorar o seu funcionamento para que estes entes consultivos queden afastados de interese particulares ou políticos e que sirvan realmente para o que se crearon: buscar o ben común das parroquias".


Ademais de Eduardo Rodríguez como presidente, ao fronte da directiva da Federación atopamos a Fernando González Fontáns como vicepresidente, Cándido Vallejo Gómez no cargo de secretario e Víctor Manuel Fuentes ao fronte da tesourería.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: