www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Xuño de 2019

Indignación entre os veciños de Rande pola paralización das obras da rotonda
Sociedade • 4/03/2010
Autor: Ana Prieto

Estaba previsto que o semáforon para os peóns e a glorieta entrasen en funcionamento en decembro do pasado ano, pero os traballos acumulan moito retraso e agora as obras están paralizadas. Os veciños esixen que as obras rematen canto antes para acabar coa inseguridade vial que existe na zona, onde os veciños se xogan a vida para cruzar unha estrada cun elevado volume de tráfico e onde os conductores non respectan o límite de velocidade.


Hoxe, 4 de marzo, cúmprense 2 anos do compromiso do subdelegado do goberno para reforzar a seguridade vial en Rande. Foi o 4 de marzo de 2008, cando nunha visita a Redondela Delfín Fernández anunciou que o goberno construiría unha rotonda e instalaría un semáforo na saída da autoestrada. Víase así cumprida unha das reivindicacións dos veciños de Rande despois de moito tempo de protestas e mobilizacións. Ano e medio despois, en agosto de 2009, comezaron as obras, que foron adxudicadas a unha empresa de Ourense por 640.000 euros. Estaba previsto que os traballos se rematasen antes de acabar o ano, pero nada máis lonxe da realidade. Continuas modificacións no proxecto atrasaron esta obra, que agora está paralizada. Mari Carmen, que traballa nun taller xusto ó lado das obras, explica que hai xa tempo que non se ve movemento na obra. A pesares de que tiña que estar rematada en decembro do ano pasado, ela é escéptica, "non creo que se remate nin a finais deste ano", dicía para os micrófonos de Radio Redondela. Outro veciño que rexenta un establecemento de hostalaría próximo as obras asegura que os traballos están paralizados desde o Nadal, xa que nos últimos días os operarios tan só se limitaron a asegurar os conos da beira da estrada. Amósase indignado pola situación, xa que o perigo é constante para os veciños que teñen que cruzar, xa que os coches "non respectan a limitación de velocidade, a 50 km/h, e pasan a máis de 120 km/h". A poucos metros da obra, Sito, que traballa na estación de servizo de Rande, falaba tamén do trastorno que supón o atraso nestas obras, xa que teñen "moitos problemas para cruzar a estrada".


Escepticismo e resignación por parte de moitos veciños da zona, que lamentan que no seu barrio "nunca se faga nada", e afirman sentirse discriminados polo Concello, por tratarse dun núcleo de poboación pequeno. Algúns, como Begoña, non agochan a súa indignación. Ela entende que as obras están paralizadas "por un problema de orzamentos" e anuncia que os veciños "volverán retomar as mobilizacións" se as obras non se rematan a curto prazo. Esta veciña viviu nas súas propias carnes a traxedia da falta de seguridade vial na zona, xa que unha sobriña súa faleceu atropelada en Rande. Critica a decisión de Fomento de construír a rotonda na saída da autoestrada, xa que beneficia máis ó tráfico que ós peóns, e denuncia que nas zonas onde se produciron os atropelos mortais "non se faga nada" polo que anuncia máis protestas dos veciños.


Desde o Concello e o ministerio de Fomento xustifican que non se instalen máis semáforos por tratase dunha estrada nacional cun elevado volume de tráfico. Os veciños denuncian un trato discriminatorio, xa que noutras zonas da mesma estrada, en Chapela e Teis, si se instalaron semáforos ou pasos elevados para os peóns.


Así as cousas, os veciños lamentan que o ministerio só se comprometera a instalar un dos tres semáforos que solicitaban , e ademais, que ese único semáforo, que debía estar funcionando hai dous meses, aínda non se puxera en servizo. De feito a corporación de Redondela acordou xa por unanimidade instar ó ministerio de Fomento para que remate os traballos.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: