www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Xuño de 2018

Clemente Bastos "Non queremos que se paralice a lei de acuicultura, o que queremos é que se retire"
Política • 29/01/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O PP secunda no pleno de Redondela o rexeitamento á Lei de Acuicultura. O concello pronunciouse unanimemente en contra do anteproxecto do mar elaborado pola Xunta e pide a súa retirada. Unha moción presentada pola Confraría horas antes de que a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, se reúna hoxe venres ás 17:00 horas en Arcade con representantes da Federación provincial de confrarías de pescadores de Pontevedra para abordar este asunto.


A decisión da Xunta de paralizar a anteproxecto de lei de acuicultura logo do rexeitamento unánime atopado no sector así como nas propias filas do PP non evitou que Redondela abordase esta cuestión que chegou ao pleno da man do patrón maior Clemente bastos.


Na súa intervención ademais de salientar os prexuízos dunha lei que "vai en contra do sector artesanal e en defensa das grandes industrias de acuicultura" lembrou que para as confrarías non é suficiente a decisión do presidente da Xunta de paralizar o proxecto "nos o que queremos é que o retire e que nos sentemos todos os representantes a negociar unha nova lei".


O resultado foi o esperado e todo os grupos amosaron o seu apoio a moción por tratarse dunha lei que busca a privatización do mar" en palabras da concelleira non adscrita Raquel Quintáns.


O nacionalistas Xoán Carlos González lembrou que a Xunta o que busca é beneficiar ás grandes empresas en contra dun sector que so en Redondela da traballo directo a 90 mariscadores de barco e 130 mariscadoras a pé. Lembrou que a decisión de paralizar este proxecto que se leva xestando dende hai máis de catro anos logrouse grazas "a mobilización social e política".


Dende AER criticaron á Xunta por preocuparse de buscar en Europa subvencións para a acuicultura na vez de buscalas para rexenerar as rías. José Bernardo Crespo "Campa" insistía en que a solución pasa por "blindar as nosas augas contra as industrias acuícolas que o único que fan é arrasar o mar e marchar".


O PSOE salientaba ademais que a lei retira competencias aos concellos "que non poderán negarse a permitir o asentamento de empresas acuícolas nos seus territorios aínda que estean en contra".


A oposición a lei tamén quedou patente na intervención do popular Miguel Angel Alvarez quen asegurou que "hai argumentos sobrados para que este anteproxecto non vaia adiante".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: