www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 17 de Xullo de 2018

Chapela, a parroquia abandonada
Sociedade • 29/01/2016
Autor: Ana Prieto

Abandonados por parte do Concello, así é como se senten moitos veciños de Chapela. Beirarrúas rotas, falta de limpeza, camiños intransitables e falta de servizos públicos son algunhas das súas denuncias. Critican que mentres Redondela goza de rúas limpas, amplas beirarrúas e fermosos parques, a súa parroquia presenta un estado "lamentable".


Este "agravio comparativo" coa vila de Redondela é o que máis molesta a Marta, que lembra que tamén en Chapela pagan impostos, mentres a parroquia presenta "moitas deficiencias". Falta de limpeza nas rúas, unha gardería pública ou espazos de lecer son algunhas das súas demandas. Unha opinión que comparte Fernando, que denuncia o estado de "abandono" da parroquia por parte do goberno local. Nalgunhas zonas, como o camiño Real, as deficiencias son un verdadeiro "perigo" para peóns, como denuncia Carlos. Sinala que esta baixada "nunca se arranxou", e que son moitos os veciños que teñen que empregala a diario, malia o seu estado "desastroso". O camiño da Grila tamén presenta "un problema de seguridade", segundo explica Jesús, que só se resolvería coa construción dun muro de contención que evite as fendas na beirarrúa. No barrio do Cubillón existe tamén un grave problema desde que se pechou a vía do tren. Os veciños, para desprazarse a pé, deben facelo por unha estrada estreita, sen beirarrúas e con moito tráfico pesado, o que supón un "serio perigo". Outra alternativa é utilizar unha ponte sobre a vía en moi mal estado de conservación, "con pasos rotos e que tremen". Begoña, que reside na zona, a solución sería "un paso soterrado", xa que os veciños de máis idade ou os que deben levar carros de nenos, non poden utilizar ese acceso. Son moitas as zonas de Chapela que presentan deficiencias e que supoñen supoñen un perigo. O camiño do Castañal, cheo de buracos, o camiño dos Balandros, o dos Olmos, o dos Salgueiros, ou o camiño da Correola son algúns dos moitos que presentan deficiencias. Desde a Asociación de Veciños da parroquia asegura que todos estes problemas xa foron postos en coñecemento do goberno local por rexistro, sen que polo de agora se resolveran. A presidenta, Ánxeles Méndez, sinala que o seguinte será instalar unha pancarta en cada un dos puntos denunciados.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: