www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 20 de Outubro de 2018

Un pleno cargado de comparecencias do alcalde
Política • 27/01/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Ata en tres ocasións terá que dar explicacións o alcalde, Javier Bas, no caso de aprobárense as solicitudes de comparecencia presentadas polos grupos da oposición para o pleno que se celebra este xoves ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira. As obras realizadas na rúa Espírito Santo e na estrada de Vilar son algúns dos asuntos sobre os que AER e BNG piden explicacións ao máximo responsable do goberno local.


Bas deberá explicar en que situación se atopan as obras realizadas nas rúas do casco vello de Redondela e que nas últimas semanas están a ser moi criticadas polos veciños da zona ante os anegamentos que se producen nas súas vivendas. Critican tamén que a mellora realizada non se axuste ao proxecto inicial. Unhas queixas que xa se lle trasladaron ao director da obra sen que ata o de agora, segundo explican dende AER, se teñan acometido as melloras necesarias para que non se repita a entrada de auga nas casas. De feito hai un compromiso por parte da empresa para estudar os niveis das rúas e buscar unha solución ao problema da recollida de pluviais. Dende a Agrupación de electores entenden necesario que o alcalde dea explicacións sobre os avances feitos nestas obras e sobre a situación actual sobre a recepción da mesma por parte do concello.


Pero non é esta a única actuación da que terá que falar Javier Bas, xa que dende o Bloque reclaman explicacións sobre a estrada de Vilar e as modificacións que se produciron no proxecto inicial deixando parte da estrada sen arranxar. Explican os nacionalistas que no convenio asinado entre o  concello e a deputación recollíase un investimento de 1,2 millóns de euros para remodelar a estrada de Vilar pero que unha vez rematada a actuación "lonxe de dar resposta tanto as demandas veciñais como ao proxecto inicial non se levou a cabo a mellora de parte da estrada".


Finalmente AER solicita tamén aclaracións sobre unha oferta de emprego público para cubrir o posto de inspector de policía local.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: