www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Setembro de 2019

Henrique Costas analiza os falsos prexuízos do galego
Cultura • 2/03/2010
Autor: Lorena Otero

O profesor da Universidade de Vigo presentará este venres, 5 de marzo, o seu libro "55 Mentiras sobre a Lingua Galega". Un acto que se desenvolverá na casa da Cultura a partir das 20.00 horas.


O profesor Xosé-Henrique Costas botará por terra todas as valoracións e interpretacións subxectivas que inciden negativamente no proceso de normalización da lingua en todos os ámbitos da sociedade na presentación do seu último traballo, "55 Mentiras sobre a lingua galega", este venres en Redondela. O libro, que está editado por Edicións Laiovento e promovido pola plataforma Prolingua, realiza "unha análise sólido e rigoroso dos prexuízos máis comúns que se difunden acerca do galego e desmonta unha por unha, até as cincuenta e cinco, as falacias que ao longo da historia se veñen atribuíndo a nosa lingua".


No acto de presentación participarán José Antonio Orge, membro fundador do SEREN (Seminario de Estudos Redondeláns) e autor de numerosos estudos sobre a historia redondelá, Elsa Quintas Alborés, fundadora da Mocidade pola Normalización Lingüística, coordinadora da plataforma cidadá Queremos Galego en Vigo, do Observatorio dos Dereitos Lingüísticos e membro da directiva da MESA pola normalización lingüística. Ademais do propio Xosé-Henrique Costas González, licenciado e doutor en Filoloxía Galega pola USC e profesor da Universidade de Vigo desde a súa fundación en 1991 e encargado da coordinación deste libro.


O acto, aberto a todo o público, comezará ás 20 horas deste venres na Casa da Cultura de Redondela, sita na Praza de Figueroa.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: