www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 25 de Setembro de 2018

A lei de acuicultura non gusta a (case) ninguén
Política • 20/01/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Numerosos colectivos esixen a retirada do anteproxecto de lei de acuicultura e incluso nas propias filas do PP hai quen xa manifestou o seu posicionamento en contra dunha norma que non convence nin ao sector nin a diferentes colectivos que presentaron ata un total de 87 alegacións no mes e medio que estivo a exposición pública. En Redondela está previsto que se aprobe unha moción en contra da lei no pleno da vindeira semana. O patrón maior, Clemente Bastos apunta tamén que non se desbotan outras accións no caso de que o goberno galego non dea marcha atrás na súa decisión de aprobar un texto que supón a privatización do mar e vai en contra das explotacións artesanais. Decidiranse nunha reunión que a Federación de Confrarías celebrará este sábado.


O texto presentado pola Xunta non convence a ninguén e así llelo fixeron saber os representantes do sector a conselleira do Mar, Rosa Quintana que na tarde de onte se reunía en Arcade cos patróns maiores, mariscadores e mariñeiros das rías de Pontevedra e Vigo. Ao redor de 200 persoas que ateigaron o Multiúsos de Arcade para amosar o seu rexeitamento a un anteproxecto que segundo din "está feito para a gran industria". O patrón maior de Redondela recoñece que é necesario regular esta actividade "mellorando o sistema actual" na vez de promover a acuicultura extensiva. Defende Bastos un sistema artesanal que "podería duplicar tanto a producción como o número de postos de traballo que xera actualmente".


As críticas son tantas que a propia Federación presentou 18 alegacións, cantidade que tería sido moito máis elevada no caso de dispoñer de tempo suficiente para estudar un texto complicado. "A Consellería tardou catro anos en preparar a lei e os afectados só dispuxeron de mes e medio para presentar alegacións" explica Bastos.


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegura non entender as razóns polas cales o texto que presentou o seu departamento foi tan mal recibido polo sector. Pero o certo é que, desde a súa saída á luz pública, ese documento xerou malestar non só entre o sector, senón tamén entre as filas dos populares. Foron xa varios os goberno do PP que aprobaron mocións en contra desta lei e parece que na vindeira semana podería aprobarse tamén en Redondela, por unanimidade e polo tanto cos votos a favor do PP local, unha moción semellante.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: