www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

O desemprego volveu incrementarse antes de pechar o ano
Sociedade • 14/01/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Redondela pechou o 2015 co peor dato en canto a número de parados dos últimos seis meses. Medio cento de persoas sumáronse no último mes do ano a unha lista que contabiliza xa 2.420 desempregados. Hai que remontarse ao pasado mes de maio para atopar un dato que empeore esta cifra. Un mes de decembro moi negativo para o emprego en Redondela pero tamén no resto da comarca, ao sufrir Soutomaior, Pazos e Fornelos tamén unha nova suba segundo os datos feitos públicos pola Consellería de Emprego.


O mes do Nadal e os reforzos que supostamente moitos sectores fixeron cun incremento nos seu cadro de persoal para afrontar unha maior actividades comercial e hostaleira típica das datas non deixou boas novas na nosa contorna. O paro volveu aumentar e fixo que Redondela pechara o ano con 2.420 persoas desempregadas, medio cento máis que no mes anterior.


Os outros tres concellos da nosa comarca non experimentaron unha evolución mellor. En Soutomaior o número de desempregados incrementouse en 51 persoas pechando o ano con 798 parados. 411 son os contabilizados en Pazos de Borbén, seis máis que no mes anterior e, finalmente, Fornelos de Montes que pechou tamén o 2015 con malas sensacións ao incrementarse en 18 o número de persoas inscritas na lista do paro e deixando o cómputo total en 203.


Un fin de ano negativo polo tanto para o emprego non só na nosa comarca, xa que en todo o sur da provincia só tres dos 27 concellos que a conforman rexistraron unha baixada (Gondomar, Mos e Baiona) experimentándose no resto dos municipios unha variación á alza.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: