www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

Pleno no fútbol sala local na primeira xornada do ano
Deporte • 11/01/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O Campito segue líder logo do triunfo acadado na súa visita ao campo do Mondariz, nun partido que rematou co resultado de 3-7. Vitorias tamén para os outros dous equipos que militan na autonómica sur cun Arealonga moi superior ao seu rival, o Bar Praza Grcía Araujo e un Redondela que logrou facerse cos puntos en xogo na súa visita a Baiona.


O equipo de Juan Nogueira vencía por 5-7 ao Baiña nun partido disputado en Baiona e no que os de Redondela tiveron que afrontar o encontro con varias baixas e con algunha presenza de xogadores do seu equipo xuvenil. Encontro ademais importante no que o Redondela FS enfrontábase a un rival directo o que facía máis necesaria se cabe esa vitoria para evitar o descenso e tomar distancia na táboa clasificatoria. Unha primeira parte magnífica para os de Redondela facía que chegaran ao descanso cun contundente 1-5, situación que se complicou e moito na segunda metade do partido na que os locais acurtaron distancia ata o 5-7 definitivo.


Pola súa banda, os dous equipos de Chapela tamén se fixeron cos puntos en xogo nas súas respectivas citas. Así, o Campito mantén o liderado logo de vencer 3-7 ao Mondariz mentres que o Arealonga, terceiro da categoría, sentenciaba cun 8-4 o encontro disputado no pavillón de Chapela ante o Bar Praza García Araujo.


Non hai competición oficial esta fin de semana e será o día 23 cando se reanude a liga co Campito que xogará no campo do Verín e o Redondela que medirá as súas forzas co Lume Bamboo. O Arealonga ten por diante pola contra dúas semanas de descanso.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: