www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 18 de Outubro de 2018

Arte, ciencia e tecnoloxía na exposición de Justo Ilhuicamina do espazo Mínima Expresión
Cultura • 4/01/2016
Autor: Ana Prieto

O ano 2016 achega unha nova mostra ao espazo artístico situado na fachada da DiscoTasca, na rúa Pai Crespo. Trátase da obra moli.TRON, do artista mexicano afincado en Redondela Justo Ilhuicamina, onde experimenta e investiga con diferentes técnicas e materiais.


O Colectivo Artístico PITRINA segue coa programación de exposicións no seu particular espazo, unha neveira. A programación arranca este novo ano cunha interesante proposta artística que leva por título "moli.TRON" de Justo Ilhuicamina. Nacido na cidade de México en 1959, fillo de pintores, realizou estudos de pintura e deseño gráfico na Escola Nacional de Artes Plásticas da Universidade Nacional Autónoma de México, aínda que a súa formación é fundamentalmente libre e autodidacta. En 1979 viaxa a Francia e desde 1985 reside e traballa en España. A súa traxectoria artística trátase fundamentalmente dunha obra de investigación e experimentación. A través de diversas técnicas e materiais tenta interpretar o complexo contemporáneo. Explora e mistura a arte coa ciencia e a tecnoloxía, que polo seu impacto social, económico e ambiental adquire unha enorme importancia no conxunto da sociedade. Na obra moli.TRON a peza está feita con materiais que o artista recicla de diferentes aparellos tecnolóxicos para rematar cunha estética que lembra a dun muíño. A mostra pode verse ata finais de febreiro.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: