www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Decembro de 2018

O PP solicita á Deputación que se dote de partida económica a mellora do campo de fútbol do Viso
Política • 23/12/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Os populares de Redondela presentan unha emenda aos orzamentos do organismo provincial para o vindeiro ano co obxecto de que se inclúan diferentes partidas para acometer obras no noso concello. Entre as actuacións demandadas estaría, ademais da mellora do terreo de xogo e instalacións do campo de fútbol do Viso, a mellora das estradas provinciais ao seu paso pola parroquia de Vilar e o proxecto de mellora, seguridade vial e acondicionamento da estrada O Viso-Soutomaior.


Segundo explican os populares trátase de propostas de investimento que responden a necesidades concretas e de demanda social clara "que contan co respaldo e a aprobación do Pleno do Concello, e constitúen xa moi reiteradas demandas da poboación". 


As partidas económicas demandadas son as necesarias para acometer a segunda fase de mellora da Estrada de Vilar, de titularidade provincial e na que se levou adiante a primeira fase de investimento, quedando pendente unha segunda, en dous tramos inmediatos a esta primeira. 


Solicitan tamén unha partida destinada a mellorar e acondicionar firmes e beirarrúas, así coma dotación de sinais e elementos para redución da velocidade na Estrada do Viso. Unha vella reclamación que inclúe a estrada da Teixeira "unha vía cunha problemática moi complexa, xa que é utilizada por vehículos moi pesados cara ó concello veciño que circulan a gran velocidade, atravesando un núcleo de poboación onde se estreita de xeito sumamente perigoso o vial. Afecta ademais a unha zona escolar, co conseguinte perigo para os estudantes, xa que en moitas zonas carece de beirarrúas e aparcamentos adecuados para poder achegarse ó centro educativo". 


Finalmente reclaman a dotación económica necesaria para acondicionar o terreo de xogo e as instalacións do Campo de Fútbol do Viso. Nesta demanda de Investimentos na instalación, incluiríanse: campo de céspede artificial, vestiarios, maquinaria e mellora do acceso; así coma iluminación e outras dotacións necesarias para que este campo de Fútbol sexa totalmente operativo para os equipos do Concello. 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: