Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

O Castelo de Soutomaior acollerá a Escola Pública de Formación en Igualdade da Deputación
Institucional • 18/12/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O organismo provincial ven de anunciar a posta en marcha da Escola Provincial Pública de Formación en Igualdade María Vinyals co obxectivo de crear un espazo que, ademais de impartir formación gratuíta e de calidade en materia de igualdade, sexa un lugar de encontro e intercambio de saber para as e os profesionais que traballan na loita contra a violencia machista, impulsando o coñecemento do que significa a igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes dende unha perspectiva transversal.


A escola está destinada ao persoal que desenvolve o seu labor profesional na provincia de Pontevedra, aínda que se reserva un 20% de prazas a persoas desempregadas. Así, para o ano 2016 estase a programar unha serie de seminarios, accións formativas, congresos, charlas, etc., enfocada a tres colectivos: profesionais que xa traballan contra a violencia de xénero en cada un dos 62 concello da provincia, persoal da Administración local cos que traballar entre outras cuestións a mellor do uso da linguaxe inclusiva como un instrumento para crear pensamento, conviccións e formas de entender e relacionarse no mundo, polo que é fundamental fomentar a linguaxe non sexista" e, por último, crear a primeira escola para mulleres electas da provincia de Pontevedra, unha iniciativa que xa está en funcionamento noutras provincias e comunidades autónomas coma o País Vasco e coa que se pretende proporcionar unha oferta formativa de calidade en materia de xestión pública en igualdade para concelleiras, alcaldesas, deputadas, senadoras ou presidentas.


A Escola Provincial Pública de Formación en Igualdade María Vinyals situarase no castelo de Soutomaior. Neste sentido, a presidenta da Deputación Carmela Silva destacou que "queremos que o castelo non sexa utilizado partidariamente senón para fins que enchen de orgullo a todas as pontevedresas e pontevedreses. Con esta escola, ademais, imos devolverlle ao castelo de Soutomaior unha parte da súa historia, xa que alí viviu unha muller que a finais do século XIX reclamaba cuestións que, lamentablemente, aínda seguimos a reclamar no século XXI".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: