www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 23 de Outubro de 2018

Redondela leva a pleno un orzamento de 18,5 millóns
Política • 17/12/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Un documento económico que se debaterá nun pleno extraordinario o 30 de decembro e no que non se prevén grandes infraestruturas malia contemplar un incremento de 1,2 millóns de euros respecto do presentado polo PP o ano pasado. Obras en Ciadelle, eliminación de barreiras arquitectónicas, recuperación do antigo cemiterio dos Eidos e a reforma dos mercados tanto de Chapela como de Redondela son algunhas das partidas recollidas no apartado de investimentos que ascende a máis de dous millóns de euros. O alcalde e responsable de facenda, Javier Bas asegura que son unhas contas realistas cunha maior previsión de ingresos "grazas a que se mellorou no cobro dos impostos e as taxas municipais".


Bas destaca o incremento en partidas como servizos sociais e emprego "que son as partidas máis importantes para facer frontes ás necesidades reais dos veciños". Apunta ademais como apostas máis novidosas os investimentos en políticas medioambientais e a inclusión por primeira vez no orzamento dunha partida destinada á posta en marcha dun plan de xuventude "que vaia máis aló de actuacións concretas dende este departamento para contemplar un programa de promoción dos máis novos".


Non se contempla no apartado de investimentos ningunha infraestrutura estrela pero si varias actuacións entre as que destaca a prevista no barrio de Cidadelle en Chapela cun orzamento de 600.000 euros. Outras partidas importantes son os 180.000 euros que se repartirán entre as parroquias a través dos orzamentos participativos, os 140.000 euros que se investirán na reforma do mercado de Redondela (50.000) e Chapela (90.000) ou os 103.000 euros que se destinarán á redacción do PXOM. Contémplase tamén 56.000 euros para a eliminación de barreiras arquitectónicas e 30.000 para recuperar o cemiterio de Os Eidos.


Unhas contas que supoñen un incremento notable respecto do documento presentado polo PP hai menos dun ano. Naquela ocasión ascendían os orzamentos a algo máis de 17 millóns mentres que paras o ano 2016 recóllense unha contas de 18,5 millóns. Un incremento que Bas asegura que se adapta a realidade "podemos contar con esa previsión sen necesidade de subir impostos e grazas principalmente a un maior control e unha maior labor de inspección sobre aqueles que antes non cumprían coas súas obrigas".


Confía o responsable de facenda en contar este ano co apoio da oposición para sacar adiantes este orzamento, algo que non aconteceu nove meses atrás cando todos os grupos amosaron o seu rexeitamento as contas do PP. Unha falta de apoios que obrigou a prorrogar o orzamento do ano anterior. Asegura Javier Bas que esta situación non debería repetirse "non podemos seguir traballando con contas prorrogadas para afrontar as necesidades do concello e dos veciños durante o 2016".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: