www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Setembro de 2018

O Castro Chapela perde o liderado ante o Bueu e a SAR Rodavigo faise co derbi feminino
Deporte • 14/12/2015
Autor: Ana Prieto

No último segundo os de Fran Teixeira perderon o encontro co Bueu, co que ceden o liderado do grupo en favor do Xiria, que gañou ante a SAR. Na división de Honra Prata Feminina a SAR impúxose ao Rodosa Chapela por 25-19


Primeira Nacional


Castro Chapela 25-26 Bueu


O Construcións Castro Chapela perdeu o liderado no último segundo


Sobre a bucina Moncho conseguiu o gol da vitoria para o Serviauto Bueu que priva aos de Fran Teixeira do liderado. Irene Vilaboa expuxo moi ben o partido e coa velocidade dos irmáns Becelar soubo atopar os ocos na defensa das Construcións Castro Chapela. Os redondeláns perdoaron demasiado e acabaron pagándoo moi caro. Os locais dominaron no marcador sempre con vantaxes moi curtas dun ou dous goles, e o Bueu conseguiu igualar nos últimos minutos. Ao final dispuxo do último lanzamento e fíxose co encontro. Os de Teixeira ocupan agora a segunda praza, que defenderán de novo comolocais ante o vitaldent Pontevedra esta fin de semana.


SAR Plastic Omnium 20-28 Xiria


O Calvo Xiria recupera o liderado da táboa tras conseguir a vitoria en Redondela fronte ao Sar Plastic Omnium. Os de Carlos Rey aguantaron o empuxe do conxunto de Carballo durante os vinte primeiros minutos. Despois o conxunto visitante foise pouco a pouco no marcador. Conseguiría unha vantaxe de sete goles ao descanso e con esa renda soubo manexar a segunda parte. A SAR ocupa agora a décima praza, e a próxima fin de semana xoga no pavillón do Luceros, que é sexto.


División de Honra Prata feminina


SAR Rodavigo 25-19 Rodosa Chapela


A Sar Rodavigo impúxose no derbi ao Chapela Rodosa nun duelo igualado que as locais resolveron mediado o segundo tempo, no que era o primeiro derbi entre os dous equipos locais nesta categoría. As de Redondela son agora sextas do grupo, e as de Chepela novenas. Na próxima xornada as da SAR reciben ao Uneatlántico Pereda, o sábado ás 18.30 horas. O Rodosa Chapela ten xornada de descanso.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: