www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

O PP considera un "ataque as tradicións" que lles prohiban acudir as procesións en nome do concello
Política • 14/12/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Descoñécese se finalmente os representantes do goberno acatarán ou non a decisión plenaria en virtude da cal os membros da corporación non deberían acudir ás procesións en nome da concello. A medida, proposta por AER e aprobada cos votos a favor de todos os grupos da oposición, é moi discutida dende o PP quen entenden que esta decisión supón "un flagrante ataque as tradicións e a vida cultural e social das nosas parroquias", ademais dun claro menosprezo cara os membros das comisión de festas "que dedican o seu tempo, esforzo e ilusión á organización de distintas actividades co único obxectivo de manter vivas tradicións fondamente arraigadas e que transcenden o ámbito da relixiosidade.


Os populares aseguran que esta proposta amosa "a faciana mais intolerante e intransixente de AER, pretendendo impoñer o criterio político sobre a liberdade de conciencia persoal". Engaden que "nun exercicio de hipocresía sen límites preténdese deixar ao marxe deste acordo a subvención municipal para actos como a cabalgata de reis, a danza de espadas e penlas ou as alfombras procesionais do Corpus de Redondela, tan fondamente arraigadas nos costumes da nosa vila, como na tradición relixiosa cristiá. Subvencionar estas actividades non atenta contra a aconfesionalidade do Estado, como tampouco o fai asistir a estes actos tradicionais en representación dos cidadáns".


Aproveitan tamén para criticar ao PSOE "cuxo apoio a esta medida so resulta comprensible dende a xenreira política causada pola progresiva perda de apoio popular durante os últimos anos". Apuntan ademais ao que fora Concelleiro de Cultura Eduardo Reguera, "quen durante anos financiou estas actividades, acudiu a multitude de eventos de carácter relixioso, e impulsou a edición de libros glosando as orixes relixiosas das tradicións do Corpus de Redondela e hoxe non dubida en darlle as costas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: