www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

Alumnos do colexio de Chapela crean a súa propia empresa de cosmética natural "Esencia Laredo"
Sociedade • 10/12/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Son rapaces de 10 e 11 anos que aprenderán dun xeito práctico as dificultades de erixirse en emprendedores. A iniciativa, promovida dende o centro educativo, contempla a posta en marcha dunha microempresa educativa e solidaria que a partir de maio porá en venda os seus produtos manufacturados. Unha produción de cosmética natural centrada nas colonias e os xabóns cuxos beneficios irán destinados á Asociación Amencer de familias con nenos con necesidades educativas especiais.


O proxecto promovido dende o Colexio de Laredo pretende a creación dunha microempresa educativa "Esencia Laredo" coa implicación do alumnado de 5º e 6º de primaria. Con esta iniciativa búscase potenciar o espírito emprendedor do alumnado que deberá poñer en práctica toda a teoría aprendida nas clases para que a súa empresa funcione. Os rapaces deberán asumir dende a elaboración do produto, que se fará no propio centro mediante o cultivo sostible da materia prima, especies aromáticas no horto do colexio, así como o seu posterior embalaxe en paquetes que se crearán con material de reciclaxe. Un equipo de marketing encargarase do deseño do produto e un equipo de vendas deberá darlle saía no mercado.


O director do centro Abraham Domínguez asegura que o alumnado está completamente motivado co proxecto "ter un produto para vender e seren fundadores da súa propia empresa fai que os rapaces se impliquen ao comprobar ademais que a teoría que aprenden na clases ten unha aplicación práctica".


O proxecto implica tamén a outras entidades como a Asociación de Empresarios de Redondela, o BBVA ou os alumnos de Formación Profesional que se encargarán de impartir obradoiros no colexio orientados a guiar aos rapaces na súa "aventura empresarial".


Domínguez insiste en que o importante é todo o proxecto que culminará o 1 de maio do vindeiro ano coa presentación do produto final "o de menos será o número de unidades que se venda e si salientar que o recadado terá un fin solidarios"


Toda a información do proxecto pódese atopar no enderezo: http://esencia.ceipdelaredo.com


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: