www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

O Construcións Castro Chapela mantén o liderado logo da vitoria na pista do Luceros
Deporte • 7/12/2015
Autor: Ana Prieto

Triunfo para o equipo de Fran Teixeira e tamén para a SAR Plastic Omnium, que goleou ao Ártabro. Na División de Honra Feminina vitoria do Chapela e derrota da SAR. No fútbol a xornada de Terceira División xógase mañá martes en Santa Mariña co encontro Choco-Ribadumia. Ás 17.00 horas.


Balonmán Primeira Nacional


Luceros 22-29 Castro Chapela


Os de Chapela defenderon con solvencia o liderado ante o Luceros, e foron superiores ao seu rival durante todo o partido. Os de Fran Teixeira seguen empatados a puntos co Xiria, que tamén venceu no seu encontro ante o Pontevedra. A próxima fin de semana o Chapela recibe ao Bueu, situado na metade da táboa.


Ártabro 21-42 SAR Plastic Omnium


Superioridade total dos homes de Carlos Rey, que non deron ningunha opción ao Ártabro, penúltimo clasificado. Goleada de escándalo e sen paliativos que serve aos redondeláns para consolidarse no ecuador da táboa. Máis difícil o terán na próxima xornada, cando reciban na bomboneira ao Xiria, colider do campionato.


División de Honra Prata feminina



Seis do Nadal 30-24 SAR Rodavigo


As redondelás tentárono en Vigo, pero non foron quen de deter ao Seis do Nadal, un dos equipos máis fortes do grupo. Logo deste encontro a SAR é sétima. Na próxima xornada xógase o derbi local entre SAR e Chapela.


Rodosa Chapela 22-17 Camargo


As de Chapela suman a súa segunda vitoria consecutiva ante o Camargo, un dos pechacancelas do grupo.


Fútbol Terceira División


Os compromisos da selección galega obrigou a aprazar a xornada de liga esta fin de semana. O Choco - Ribadumia xogarase na xornada festiva de mañá martes. Os redondeláns, na 7ª praza do grupo, reciben en Santa Mariña a un dos equipos máis febles do campionato, o Ribadumia, penúltimo clasificado. Ás 17.00 horas.


Segunda Autonómica


Pereiró - Choco B: aprazado. Próxima xornada o filial do Choco recibe ao Vitoria, co que están empatados a puntos na metade da táboa.


S. Miguel 4-0 Chapela


O Chapela non foi quen de seguirlle o ritmo a un dos equipos máis fortes do grupo, o S. Miguel. Quedan os redondeláns na quinta praza, e na próxima xornada reciben ao Matamá, un posto por baixo.


Terceira Autonómica


No grupo 14 non houbo xornada de liga esta fin de semana. O próximo encontro será o derbi comarcal Arcade - Cesantes. O Cesantes chega ao partido afundido na parte baixa da táboa, mentres que o Arcade é o segundo clasificado.



Beretes Chapela 5-3 Fortuna


Dous goles de Abalde, un de Miguel, outro de Enrique e un último de Jesús, deron o triunfo ao Peña Beretes, nun partido moi traballado. É a segunda vitoria do equipo de Chapela, e sobre o mesmo rival que na primeira ocasión, o pechacancelas Fortuna. Na próxima xornada xogan no campo do Mosende.


Oiense 2-1 At. Vilar


Os redondeláns manteñen a terceira posición malia a derrota. Na próxima xornada reciben ao C. Areas, da metade baixa da táboa.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: