www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 23 de Maio de 2018

O PP rexeita a proposta de apoio aos artistas locais por "estar abocada ao fracaso"
Política • 27/11/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A moción presentada pola Agrupación de Electores na que solicitan por parte da Concellería de Cultura un maior apoio na promoción e contratación dos artistas locais, así como a posta en marcha dun circuíto permanente de actuacións en locais de Redondela saíu adiante ao contar co voto favorable de todos os concelleiros da oposición. Un apoio que non atopou entre os membros do grupo de goberno quen argumentaron o seu voto en contra por tratarse "dunha iniciativa que está morta de antemán" en palabras do edil Xabier Alonso.


O edil de AER, Jorge Varela "Chopi" foi o encargado de defender a moción que, segundo explican, poderían beneficiar a máis dun cento de formacións musicais de diversa índole, así como grupos de teatro, humor, maxia ou baile entre outros. Unha proposta que inclúe entre outras iniciativas crear un censo de artistas facéndoo público e accesible a toda a veciñanza a través da web municipal, dándolle a oportuna difusión entre os programadores de eventos tanto internamente no concello como externamente. Reclaman tamén do concello que "se comprometa a aumentar o apoio aos artistas redondeláns dun xeito proactivo, contando con eles á hora de programar culturalmente a axenda xestionada polo propio Concello". Finalmente solicitan a creación dun circuíto de "Músicas ao vivo", cunha  programación permanente de actuacións en locais de diversa índole; bares, cafeterías, pubs, centros sociais, etc. establecendo un marco de colaboración, entre o Concello e os locais programadores adheridos.


O PSOE amosaba o seu total apoio a proposta. Eduardo Reguera, edil responsable de cultura no anterior goberno socialista, salientaba que cando eles gobernaron existían iniciativas semellantes e lembraba nese sentido a posta en marcha do convenios interparroquial.


Dende o BNG tamén apoiaban a proposta por entender que servirá para concretar e dinamizar a xa de por si dinámica vida cultural de Redondela. Opinión que compartía tamén a edil non adscrita Raquel Quintáns.


A voz discordante neste sentido xurdía dende o grupo de goberno. O edil de cultura Xabier Alonso amosaba "a miña decepción por non ter logrado un consenso con AER para promover unha iniciativa que si puidera contar co apoio de todos os grupos" e argumentaba o seu voto en contra da moción porque "non podo apoiar algo que non vai funcionar, algo que está destinado ao fracaso". Explicou que o seu prognóstico está xustificado porque houbo xa innumerables iniciativas semellantes que non tiveron continuidade e concluíu afirmando que a proposta de AER "xira ao redor do problema pero non atina coa solución".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: